Un estudo afirma que o emprego de tabletas gráficas reduce o síndrome de RSI

venres, 15 de xuño do 2007 Raquel Noya

Nos últimos anos, os médicos non fan máis que advertir dos problemas que ocasiona o emprego excesivo do ordenador ó longo do día. Dores de cabeza, de costas ou vista cansa non son nada a carón do síndrome do RSI (Reforzo Muscular Repetitivo) popularmente coñecido como “brazo de rato” que adoitan sufrir os traballadores que pasan longas horas perante os computadores premendo unha e outra vez nos documentos e ligazóns.
Agora ben, segundo un estudo independente, este problema pode ter solución co emprego dunha alternativa saudable (aínda que non de todo cómoda) ó rato: a pen tablet, que “debido ó seu deseño máis ergonómico, axuda a previr o RSI”. (O raro é que non se teñan visto máis tabletas gráficas por aí adiante, sendo tan beneficiosas como aseguran os autores do estudo).
O profesor e Dr. Hardo Sorgatz, da Universidade Tecnolóxica de Darmstad en Alemaña, vén de presentar o devandito estudo titulado, “Prevención de RSI a través do cambio de dispositivo de entrada”, que completou nun período de tres meses mediante a realización dun test a 60 persoas que levaban 10 anos empregando o rato nos seus traballos.
Durante a execución dos exercicios programados, foron comprobadas a velocidade e a precisión de execución de cada tarefa con un e outro artiluxio, así como os efectos que estes causaron nos músculos dos participantes, comprobando que, ó concluír, os resultados mostraron que a pen tablet é mais ergonómica que o rato e o seu uso é menos canso que este último.
Segundo as conclusións deste investigador, “o emprego da pen tablet reduce significativamente a tensión muscular e consecuentemente prevén o RSI”, algo que nós, por se acaso, non imos comprobar.

PUBLICIDADE