Un estudo analiza a experiencia dos clientes dos balnearios galegos a través dos comentarios que deixan na Rede

mércores, 8 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O profesor brasileiro Jose Manoel Gándara, co director da investigación, José Antonio Fraiz, á esquerda


O principal obxectivo do turismo é acadar a satisfacción do consumidor, que a súa a experiencia sexa o máis positiva posible. Para coñecer este nivel de satisfacción no caso concreto dos hoteis termais galegos, José Manoel Gándara, profesor da Universidade de Curitiba, en Brasil, atópase na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense investigando sobre os comentarios que publican os turistas nas principais webs de reservas de hoteis sobre as súas experiencias neste tipo de instalacións. Á espera de rematar o estudo, o investigador adianta a boa valoración dos turistas dos balnearios galegos.
As tres principais webs de reservas de hoteis do país: Tripadvisor, Booking e Trivago, están estes días baixo a atenta mirada do profesor brasileiro José Manoel Gándara, que se atopa realizando unha investigación para coñecer o nivel de satisfacción dos clientes que, a través das mesmas, visitaron os hoteis termais galegos.
Este profesor da Universidade de Curitiba, en Brasil, atópase na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense onde anualmente imparte docencia no seu mestrado en Turismo, e explicou para o DUVI que “investiga as experiencias e emocións dos turistas nos hoteis termais de Galicia partindo da súa reputación on-line”.
A investigación, que se realiza dende o pasado 20 de novembro e rematará o 20 de febreiro, consiste en analizar os comentarios que publican os turistas nas devanditas webs de reservas de hoteis sobre a súa experiencia nos establecementos galegos, e á espera de rematar o estudo, o investigador adiantou “a boa valoración” dos turistas dos balnearios do país, principalmente “cando buscan evasión”, concretou.
Gándara identificou nestas plataformas arredor de 300 comentarios, que agora está a ser analizados polo miúdo para dar conta das valoracións que os balnearios lle mereceron aos seus usuarios.
Entre os ítems que analizan destacan a da decoración, o prezo, a limpeza, a comodidade, a oferta complementaria, a reputación, a contorna, a alimentación, a calidade das augas, a variedade dos tratamentos termais e cosméticos e a atención personalizada; e en base a eles obterán a valoración global dos establecementos ó final do estudo.
Gándara explica que pretende “identificar a calidade da experiencia e a emoción que senten os turistas ao facer estes comentarios positivos ou negativos nas webs, polo que relacionamos estes elementos de análise con aspectos como a estética, a evasión, a aprendizaxe e o entretemento”, aclara o investigador.

PUBLICIDADE