Un estudo certifica cal sería o navegador ideal para os internautas: o ChromeFox

luns, 5 de agosto do 2013 Fernando Sarasketa

Dende PortalProgramas.com veñen de facer un interesante estudo sobre cal sería o navegador que, facendo medias de servizos, calidades e opinións, máis satisfaría en termos xerais á comunidade internauta. O estudo, que comezou derivando cara a declaración de concurso deserto (os expertos implicados, por así dicilo, metéronselle no ensarillado de elixir entre mamá e papá), foi logo orientándose cara o terreo do utópico, que é onde se acumulan as cousas como nos gustaría que fosen. Este foi o motivo de que o navegador que se impuxo resultase finalmente ChromeFox, o navegador definitivo que reúne o mellor de dúas das ferramentas web máis populares da actualidade, Chrome e Firefox. O recurso elixido só ten un problema: non existe.
Porén, non hai quen lle tusa. E máis se temos en conta que abrangue a velocidade de carga inicial de Firefox (nas probas máis recentes Firefox iníciase máis rápido), a compatibilidade con con HTML5 e CSS3 de Chrome (un dos puntos portes de Chrome), a tenda de complementos de Firefox (que segue contando con certos complementos exclusivos, sinalan, que en gran medida publicáronse alí grazas á política máis aberta dos desenvolvedores de Mozilla) ou as pestanas en procesos separadas de Chrome (outro dos puntos fortes deste buscador, con cada pestana baseándose nun proceso separado que ao pecharse libera memoria de xeito inmediato). Así nos explican dende PortalProgramas.com o xermolo deste curioso estudo: “Tras a caída de Internet Explorer, Firefox converteuse na alternativa favorita, para daquela ser relegada a un segundo posto coa incríbel velocidade e lixeireza de Chrome; pero neste mundo de constantes actualizacións nada é definitivo, e recentemente puidemos ver como Firefox pisaba o acelerador até exceder ao navegador de Google en benchmarks como o de Tom’’s Hardware”. Esta incerta carreira, unido ás moitas vantaxes que acubillan cada un dos navegadores, non fixo máis que impulsar a creación de ChromeFox, unha ferramenta na que todo pinta ben, sinalan, comezando polo nome.

PUBLICIDADE