Un estudo certifica que a Rede mal empregada tamén contribúe ao quecemento da Terra

venres, 8 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Fedellar na Internet, aínda que non o pareza, tamén ten o seu aquel dende o punto de vista ecolóxico. Vale que comunicándonos e facendo todo tipo de xestións en liña evitamos o consumo e o trasfego de papel, e vale tamén que os propios computadores teñen sistemas para aforrar enerxía cando non os usamos, pero tampouco é ouro todo o que reloce. Segundo se apunta dende Ademe, unha axencia francesa para o impulso da enerxía, o uso das tecnoloxías da información son responsábeis do 2% das emisións que provocan o quecemento da Terra. O dato, reflectido estes días por El País, non é novo. En realidade, xa se sabe dende hai tempo que a Rede e todas as súas cousas contaminan máis do desexado, sobre todo a un nivel de equipo físico, a novidade está nos números e tamén na natureza do cuestionado: cousas que son físicas senón virtuais.
O estudo céntrase en tres elementos: os correos electrónicos, as buscas e a transmisión de información por USB. Trátase de tres servizos que até o de agora, polo xeral, ficaban lonxe de calquera crítica. Pero cómpre parármonos e avaliar a cuestión. Comezamos polos e-mails, esa cousa que se borra con tanta facilidade. Segundo se conta no informe, cada xornada envíanse 250 mil millóns de correos, unha cifra que en breve duplicarase. Pois ben, tendo en conta a gran cantidade de e-mails que recibimos e o tempo que, polo tanto, debemos empregar en xestionalos, é lóxico pensar que acabaremos por estar ante o computador máis tempo do debido. Polo tanto, máis enerxía a consumir e máis bases de datos para dar acubillo ao tráfico. Segundo se apunta, “reducir un 10% o envío de correos nunha empresa de 100 traballadores supón un aforro de unha tonelada de CO2 ao ano”.
Algo semellante acontece coas procuras en liña. Moi rara vez serven de algo á primeira, e hai que remexer na Rede á busca do que de verdade importa, sepultado moitas veces por capas e capas de lixo. Resultado: malgasto enerxético. E máis se temos en conta que tal e como se apunta no estudo, cada internauta realiza unha media de un milleiro destas operacións ao ano. O informe estima que dar soporte ás procuras dun usuario da Rede supón lanzar á atmosfera arredor de 9,9 quilos de CO2 nun ano. Para contrarrestalo, mellor empregar de xeito correcto os marcadores do navegador ou, tamén, afinar mellor nas operacións de localización.

PUBLICIDADE