Un estudo confirma o potencial do esterco de vaca para subministrar enerxía ás grandes empresas TIC

xoves, 20 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías da información, tal e como están feitas (para enlearnos), poden vincularse con calquera aspecto ou elemento da vida que nos rodea. O que non supoñiamos, é que puideran vincularse directamente cunha das materias primas máis xeneralizadas do noso agro: o esterco. Alén da combinación tecnoloxía-purín que pode resultar dunha estancia no rural dedicada a traballos agrogandeiros promovidos logo na Rede, semella que a interrelación entre unha cousa e outra pode ser tan estreita como para manter co primeiro o bo funcionamento do segundo.
Segundo conta Xornal.com facéndose eco dun informe de HP, esta situación de simbiose estase a procurar sobre todo en Estados Unidos, onde os agricultores lácteos están a piques de verse mergullados no sector TIC grazas á bosta das súas vacas, elemento que tería un gran potencial para o subministro enerxético que precisan as grandes compañías do eido dixital.
Este, e non outro, podería ser a fonte de electricidade, limpa (até certo punto) e sostible, dos grandes centros de datos das firmas HP, Google ou Microsoft.
A iniciativa tería varias vantaxes para tódalas frontes: por unha banda permitiría a habilitación de emprazamentos tecnolóxicos no rural (onde se lle daría impulso á economía local) e, pola outra, estaríase a apostar por unha enerxía que xa existe e que é cen por cen natural e renovable.
Segundo se fai saber no informe de HP, con este sistema un produtor de leite podería “alugar a terra e a enerxía excedente das áreas rurais ás firmas do sector TIC e recuperar o investimento en dous anos mediante os sistemas de conversión de residuos a combustible”. E continúa: “As tecnoloxías da información e o esterco teñen unha relación simbiótica”.

PUBLICIDADE