Un estudo determinará os servizos a implantar no Casco Histórico compostelán mediante WiMAX

martes, 17 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Os concelleiros de Turismo e de Casco Histórico xunto co xerente de Coremain o 16 de decembro de 2006 durante a presentación do proxecto

O Goberno municipal de Santiago de Compostela iniciou a contratación dunha asistencia técnica para realización dun Estudo de implantación de servizos baseados na utilización dunha rede WiMAX no Casto Histórico da cidade por procedemento negociado sen publicidade, establecendo un tipo de licitación de 30.000 euros.
Tamén acordaron solicitar ó Consorcio a súa participación neste proxecto, cunha achega de 275.000 euros durante o presente 2007, mentres que os restantes 275.000 euros que completan o financiamento correrían a cargo do Ministerio de Industria.
A rede WiMAX permitiría incorporar ó Casco Histórico de Compostela ás TIC, poñéndoo ó mesmo nivel que outras zonas da cidade, de xeito que faría posible servizos como a telemedicina e teleasistencia, seguridade e emerxencias, puntos de información cidadá de acceso público, información turística e acceso á administración electrónica, así como faría máis doada a xestión diarias ós comerciantes.
Esta nova rede se anunciara a finais de 2006 por parte dos concelleiros de Turismo e Casco Histórico, Francisco Candela e Mercedes Rosón, acompañados naquel momento por Manuel Balseiro, xerente de Coremain (empresa que está a desenvolver o proxecto).
Esta iniciativa estaría integrada no Programa de Cidades Singulares, e permitiría a incorporación de Compostela ó programa Cidades Dixitais 2, proxecto que o Ministerio de Industria levará a cabo no período 2007-2010.

PUBLICIDADE