Un estudo galego pon de manifesto o avance da formación en liña sobre a presencial

xoves, 26 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

En materia de aprendizaxe, o preto que se poida estar do mestre ou mestra conta cada vez menos. Isto é así grazas ás novas tecnoloxías da información e para unha chea de materias, cobrando aínda máis forza para aquelas que máis directamente relacionadas están –precisamente- con esas novas tecnoloxías. A cousa ten a súa lóxica: quen traballa co ferro, por moito que se diga, non quererá no seu fogar un coitelo de pau. Segundo un estudo feito pola galega Krasis, o 70% dos técnicos informáticos enquisados nun estudo pormenorizado sobre preferencias de formación en tecnoloxía en toda España declárase partidario da aprendizaxe en liña, a distancia, como principal recurso para a ampliación dos seus coñecementos. A investigación, feita pola área de formación CampusMVP da dita empresa con sede en Vigo entre máis de medio milleiro de usuarios de todos os recantos de España, achega datos de interese sobre as supostas carencias que achega o feito de aprender a través das redes: cada vez hai máis xente que salienta as vantaxes dun guía a distancia que, aparecendo só cando é preciso, favoreza meirande autonomía. Así, só o 9% das persoas enquisadas opina que require sempre e en todo intre do apoio dun titor, considerando moi importante que a formación complementaria sexa de tipo presencial.
Dos cidadáns interrogados que optaron pola alternativa en liña, máis da metade confesa un elevado grao de satisfacción, elevándose esta porcentaxe (sinala a empresa) até o 69% no caso dos alumnos que se teñen formado no dito CampusMVP. Asemade, engade a empresa galega, cómpre ter en conta o factor currículo: “Se ben existe un 5% de profesionais que se forman de xeito autodidacta, o certo é que preto do 90% dos alumnos prefiren a realización de algún curso que organice e facilite o estudo e sexa máis doada a obtención dun certificado oficial que axude a mellorar o currículo”, subliña Krasis. O estudo en cuestión fica arestora accesible na web do dito campus, estando a nota de prensa que o resume o presenta na páxina oficial de Krasis.

PUBLICIDADE