Un informe reflicte que a tecnoloxía nas empresas está a gañar transversalidade

mércores, 19 de outubro do 2011 Marcus Fernández

O Financial Times dá conta cun informe recente de Booz & Co, unha empresa de consultoría que estima que a media de idade dos xerentes das empresas é de 51 anos, ou sexa, que moitos terían medrado xa con ordenadores nas súas vidas, de aí que cada vez precisen de máis coñecemento sobre as TIC nas súas compañías, desbotando a estrutura tradicional na que o departamento tecnolóxico estaba totalmente separado e cun responsable de seu. Aseguran que os responsables das empresas precisan entender as vantaxes que a tecnoloxía pode achegar ás súas compañías, aínda que delegando as funcións máis concretas en profesionais especializados.
Como exemplo aseguran que é preciso que entender os cambios que nos seus modelos de negocio poden provocar as tecnoloxías móbiles e as redes sociais, pois teñen repercusións decisivas na toma de decisións. Incluso o feito de non adoptar solucións de business inteligence pode supor unha ameaza para a súa compañía, como tamén o faría deixar tal funcionalidade aos departamentos de tecnoloxía, xa que as ferramentas que contribúen a levar as rendas dos negocios deberían estar nas mans dos seus directivos.
Tamén aseguran que os servizos baseados na nube tamén están a alixeirar a carga de traballo dos responsables tecnolóxicos das empresas, que poden así centrar o seu traballo na definición de obxectivos máis estratéxicos e en atopar oportunidades de crecemento. Teriamos así que a figura do Chief Information Officer (CIO) estaría a migrar do departamento de informática a postos máis corporativos, de xeito que incluso xa non se esixiría que os CIO tivesen formación en Enxeñaría Informática, optando por profesionais con experiencia na optimización de procesos, nun momento no que as tecnoloxías contribúen en grande medida a mudar os xeitos de traballar. En definitiva, que o importante é a información, e non a tecnoloxía que a sostén.

PUBLICIDADE