Un informe sitúa a Galicia na cola dos accesos á Rede a máis de 1 Mbps

xoves, 21 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O informe publicado busca dar visibilidade ao satélite como solución universal de banda larga

Un estudo realizado pola Universidade Politécnica de Madrid en colaboración con Eutelsat sostén que máis de medio millón de españois non ten acceso a banda larga fixa de máis de 1 Mbps (velocidade garantida como servizo universal), de xeito que entre 383.000 e 786.000 españois só teñen cobertura de banda larga de prestacións limitadas.
Por desgraza, Galicia está entre as comunidades autónomas con maior número de cidadáns con acceso de banda larga a unha velocidade limitada, co 4,07% da poboación afectada, seguida de Asturias (2,58%), Castela e León (2,41%) e Castela A Mancha (2,31%).
Por provincias tamén saímos mal parados, cun 9,04% dos lugueses sen conexións a máis de 1 Mbps, seguidos dos ourensáns co 4,67%, mentres que en Madrid tal proporción non chega ao 1%.
Tamén resulta preocupante que o 27,73% da poboación sen cobertura viva en vilas de entre 1.000 e 5.000 habitantes, e o 26,43% en municipios de entre 10.000 e 50.000 habitantes, zonas nas que parece imposible que o acceso á Rede non teña a calidade demandada polos usuarios.
De todos os xeitos non podemos esquecer que a publicación deste informe non é inocente, senón que o aproveita Eutelsat para asegurar que coa tecnoloxía satelital solucionarían o problema de vez cunha “sinxela instalación de 600 euros por fogar”, minimizando problemas desta tecnoloxía como a súa elevada latencia (crucial en servizos en tempo real).

PUBLICIDADE