Un municipio barcelonés permite efectuar o pago da zona azul a través do móbil

venres, 13 de marzo do 2009 Raquel Noya

A día de hoxe ninguén dubida que o teléfono móbil é un dispositivo moi necesario, cando non imprescindible, que nos facilita a comunicación dende calquera momento e lugar, e permítenos estar entretidos grazas a ferramentas como cámara de fotos, conexión a Internet, xogos, axenda, conversor de moeda, calculadora, alarma…
Pero se a todo isto lle engadimos un sistema de pagamento que nos permite despreocuparnos de ter que andar con diñeiro enriba, o valor deste dispositivo increméntase nun cen por cento. Neste senso, o pagamento a través do teléfono móbil é o máis recente chanzo da cadea de evolución histórica do diñeiro, que aínda ten moito por descubrir pero que avanza con firmeza dando lugar a cada vez máis servizos novidosos.
A última aplicación desenvolvida en torno a este sistema é a do municipio barcelonés de Caldes d´Estrac, que vén de por en funcionamento unha pioneira solución de pagamento con móbil que lle permite aos usuarios aboar as súas tasas de estacionamento da zona azul mediante o envío dun simple SMS.
Este sistema permite que o usuario pague a taxa de estacionamento regulado con tan só o envío dunha mensaxe de texto incluíndo o nome da localidade, o tempo de saída (final de estacionamento), e o identificativo da matrícula. Deste xeito, os controladores do servizo poderán verificar en tempo real, mediante os seus dispositivos electrónicos, se o pagamento foi realizado polo usuario ou se se atopa dentro da hora límite aboada polo mesmo.
Entre as vantaxes deste servizo destaca a inexistencia do pagamento fraccionario co redondeo á alza e o cargo do importe directamente na conta do móbil do cidadán, evitando que o mesmo teña que dispor continuamente de moedas soltas, e se teña que desprazar ata o vehículo para ampliar o tempo de estacionamento.
A iniciativa é froito dun acordo entre Mobipay e Presto Parking, e é pioneiro no municipio de Caldes pero que veremos de xeito habitual, en breve, noutros municipios do noso país.
Telefónica chegou a un acordo comercial con Presto Parking no marco de Mobipay, facilitando mediante o mesmo, a posibilidade de pagamento do servizo de parking a través do móbil e a interoperabilidade para que poida ser empregado polos usuarios de tódolos operadores móbiles nacionais.

PUBLICIDADE