Un novo Humble Bundle recolle grandes xogos independentes como FEZ e Mark of the Ninja

mércores, 11 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Hoxe botou a andar o noveno lote de xogos independentes da iniciativa coñecida como Humble Bundle, que permite que os usuarios decidan o que pagar para facerse cun lote básico de xogos aos que se engaden varios títulos adicionais de pagar unha cantidade maior que a media, e que durante un par de semanas ofrecerá xogos de grande peso como Trine 2: Complete Story, Mark of the Ninja, a versión de proba de Eets Munchies e a grande produción de Tim Schafer Brütal Legend, aos que poderán engadirse o galardoado FTL: Faster Than Light e o icónico FEZ se pagamos máis da media (uns 3,50 euros no momento de escribir estas liñas).

Brütal Legend estreárase como xogo en formato físico en 2009

Temos así unha oferta moi atractiva para facernos cun bo lote de xogos para PC (compatibles con Windows, OS X e Linux) que poderemos descargar directamente ou a través de Steam (para ter claves de Steam é preciso pagar un mínimo de 1 dólar polo conxunto de xogos) e que achegarán parte dos seus ingresos a fundacións benéficas que nesta ocasión son a Fronteiras Electrónicas (EFF), Watsi e Child’s Play Charity.
Aínda que pola simple incorporación de FEZ a este lote xa se esperan unhas boas vendas, é de agardar que nos vindeiros días se incorpore algún outro xogo para dinamizar as vendas desta iniciativa solidaria.


Vídeo promocional deste último Humble Bundle de xogos independentes

PUBLICIDADE