Un pintor dixital encérrase nun hotel para plasmar as súas vistas diarias

xoves, 26 de marzo do 2009 Raquel Noya

O pasado venres 20 de marzo, o artista arxentino Dan Arenzon pediu aloxamento no Hotel Meliá Sarriá de Barcelona disposto a cumprir un firme obxectivo (un dos máis curiosos xamais contados na nosa web): aguantar seis meses sen sair do edificio pintando unha paisaxe diaria vista dende o mesmo.
Arenzon, que escolleu unha das habitacións máis altas do hotel barcelonés de 21 plantas, pintará cada día unha paisaxe distinta da capital catalana ata o vindeiro 22 de setembro, data da entrada do equinoccio de outono.
O seu lienzo é a pantalla do seu Macintosh e o pincel, son distintos softwares de deseño, que o artista empregará para “representar o novo panorama comunicacional e reinterpretar a paisaxe a través das ferramentas dixitais”.
En total, este friki argentino realizará 144 pinturas dixitais, organizadas en 12 series de 12 pezas, nas que reflexará as paisaxes que ve dende distintas habitacións do hotel no que se aloxa.
Tódalas pezas terán un formato de 120 por 120 centímetros, que se imprimirán nunha soa vez e se venderán a 3.655,48 euros, un prezo que sacou, segundo afirma, “dos 365 días, 5 horas e 48 minutos que marcan a volta completa da Terra ao redor do Sol”.
Esta creación artística, que mesmo antes de estar feita xa ten asegurados algúns compradores, poderá seguirse a través de Equinox TV, así como a través dunha web creada especialmente para o proxecto.
Imaxe tomada do xornal dixital El País.

PUBLICIDADE