Un profesor da UDC recibe unha bolsa de 1,5 millóns para un proxecto que amplía a comprensión dos computadores

venres, 2 de setembro do 2016 Redacción

Carlos Gómez, profesor da Universidade da Coruña, vén de acadar unha bolsa de investigación europea de 1,5 millóns de euros. Trátase da bolsa Starting Grant, achegada a través do European Research Council (ERC) e dirixida a servir de apoio e alicerce orzamentario para o desenvolvemento (ao longo dos cinco anos vindeiros) do proxecto FASTPARSE (Análise sintáctica rápida de linguaxe natural para procesado a gran escala), unha sólida proposta tecnolóxica cuxo obxectivo último é facilitar ao máximo a comunicación cos computadores e a súa capacidade de comprensión.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e o propio investigador, Carlos Gómez, ademais do xestor de Relacións Científico-Tecnolóxicas da UDC, Xavier Alcalá, presentaron este venres 2 de setembro os detalles da concesión e do proxecto. A cita foi no sala de prensa da Reitoría (A Maestranza). Segundo fixeron saber, a Universidade da Coruña suma esta nova Starting Grant á concedida en 2012 ao profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos Héctor Gómez Díaz.
Carlos Gómez pertence ao Departamento de Computación, na área de coñecemento de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e imparte docencia nas facultades de Informática e Filoloxía.
Proxecto FASTPARSE
Segundo se fixo saber na presentación, o devandito proxecto está “na fronteira entre a informática e a intelixencia artificial coa lingüística e baséase na incorporación da análise sintáctica ás funcións dos ordenadores de forma moi rápida”. O investigador engadiu que o seu traballo xira en boa medida arredor de permitir que os computadores entendan de verdade cal é o suxeito e cal e o obxecto dunha determinada frase, “algo que os humanos facemos de maneira intuitiva pero que os equipos informáticos aínda non son quen de facer de xeito eficaz”.
Carlos Gómez, profesor das facultades de Informática e de Filoloxía, sinalou tamén que “incorporar a análise sintáctica de forma que os ordenadores fagan moi rápido ese proceso abre moitos eidos de aplicación, como ter unha nova xeración de buscadores que atopen a información de xeito intelixente e analítico, saber analizar en tempo real todas as conversas que se produzan nas redes sociais con relación a unha determinada busca (sen necesidade de hashtags por exemplo, no caso de Twitter) ou acadar a tradución simultánea”.
O proxecto, explicou, terá tres liñas de investigación: optimización informática, características lingüísticas dos idiomas humanos e modelos cognitivos. O investigador, que confesou estar “moi motivado e con moitas ganas de traballar duro neste proxecto”, desenvolverá o seu traballo na Universidade da Coruña para o cal contratará a cinco persoas, das que catro serán investigadoras.

PUBLICIDADE