Un proxecto facilitará 24 estadías sobre arte dixital noutras rexións europeas a mozos profesionais

mércores, 13 de xullo do 2011 Redacción

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, vén de lanzar o proxecto Imaxina Atlántica que, ao abeiro do programa Espazo Atlántico financiado con fondos FEDER, oferta 24 estadías noutras rexións de Europa para mozos e mozas profesionais de entre 18 e 30 anos centradas na arte dixital.
En concreto, o programa desenvólvese nos ámbitos da Comunicación Audiovisual, Publicidade, Produción Artística, cultural e visual, Multimedia, Patrimonio ou Turismo aplicado á arte dixital, en Porto (Portugal), Bangor (Gales, Reino Unido), e Angoulème (Francia) e os mozos interesados poderán enviar a súa candidatura por correo electrónico.
A iniciativa oferta 12 estadías de 15 a 30 días de duración que inclúen viaxe, aloxamento e manutención; e outras 12 de 3 ou 4 días para asistir á certames internacionais, feiras internacionais ou exposicións.
O obxectivo desta actividade é fomentar a formación dos mozos profesionais, nun contexto europeo, axudando á realización de estadías en empresas, asociacións e institucións doutras rexións de Europa, con fin de favorecer o fortalecemento e a creación de redes empresariais desde o espazo atlántico e ofrecer aos participantes prácticas profesionais, adquisición e uso de coñecementos, competencias e cualificacións con vistas ao desenvolvemento persoal, a empregabilidade e a participación no mercado laboral europeo.

PUBLICIDADE