Un proxecto galego chega á final do Premio RedEmprendia da Idea á Acción

xoves, 18 de outubro do 2012 Redacción

Entre o 27 e 28 de novembro decidirase no marco de RedEmprendia Spin2012 -foro internacional sobre emprendemento universitario a celebrar en Madrid- o proxecto gañador do Premio RedEmprendia da Idea á Acción. RedEmprendia é unha rede de Universidades que promove a innovación e o emprendemento responsables en colaboración coa entidade financeira Santander. Emporiso, nesta primeira edición do certame, 14 foron os traballos que chegaron á final, entre eles atópase a proposta dun grupo de universitarios de Santiago de Compostela e Vigo. UseFeeling -a idea dos mozos galegos Diana Candelero García, Luís Manuel Morán Hermida e Moisés Vilar Vidal- é unha aplicación gratuíta para smartphones que permite acceder a todas as ofertas da cidade desde o móbil.
Máis polo miúdo, UseFeeling é unha plataforma de comunicación para que os propietarios de locais de lecer promovan as súas ofertas e eventos online, facéndoas chegar ao móbil dos seus clientes. Amais disto, os clientes poderán conectar con amigos da súa mesma cidade e competir entre eles cumprindo diferentes retos que propón a aplicación.
Expertos en emprendemento de universidades e escolas de negocio foron os encargados de elixir aos finalistas entre os 60 vídeos máis votados na web do concurso que reuniu douscentos vídeos de máis dun cento de universidades de Iberoamérica. Engadir que alén de España, as ideas finalistas proveñen de Portugal, Arxentina, Brasil, Colombia e México.
E como todo concurso, este tamén ten a súa recompensa, os gañadores do Premio RedEmprendia da Idea á Acción viaxarán a formarse a EE.UU., na Babson College, institución de sona mundial no eido do emprendemento. Asemade, cadanseu proxecto gañador recibirá 3.000 euros, asesoramento e a opción de participar en distintas actividades de RedEmprendia para os seus promotores.

PUBLICIDADE