Un troiano para Mac comeza a facer das súas

xoves, 23 de abril do 2009 Marcus Fernández

En xaneiro advertimos de que pola Internet estaban a circular copias do programa iWork ’09 para Mac OS X que incluía un troiano coñecido coma OSX.Trojan.iServices.A, que agocha un paquete que unha vez instalado conéctase a un servidor remoto para que poida tomar control do equipo, o que estaría a afectar a milleiros de equipos, e agora estaría a empregarse para lanzar ataques de denegación de servizo contra distintas páxinas web, no que pensan que podería ser a primeira rede de bots baseada en Mac, o que debería chamar á precaución aos maqueiros, pois expertos en seguridade comentan a posibilidade de que en breve aparezan variantes desta ameaza informática.
Normalmente considérase que o mundo do Mac está libre de virus, pero os troianos poden infectar practicamente calquera equipo, xa que normalmente son instalados directamente polo propio usuario, que pensa que está a instalar outra aplicación (normalmente pirateada).

PUBLICIDADE