Un xogo para iOS celebra o medio século do Doutor Who

mércores, 27 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Para celebrar o 50º aniversario do Doutor Who, aparte de emitirse un episodio televisivo especial que nun cine galego proxectouse en tres dimensións para goce dos seareiros da serie televisiva máis longa da historia, Tiny Rebel Games estrea un videoxogos para iOS que achégase baixo a fórmula do free-to-play, de xeito que podemos xogar de balde, así como adquirir cristais de tempo dende dentro da aplicación con cartos reais.
Doctor Who: Legacy está xa dispoñible na App Store de países como Reino Unido e EE.UU. (curiosamente non figura na tenda española, o que descoñecemos se será temporal) e consiste nunha especie de quebracabezas na liña do popular Candy Crush Saga, no que mover pezas de cores formando liñas de 3 ou máis elementos, que poderán aproveitarse en combates nos que lanzar ataques ou recuperar enerxía, empregando un sistema básico de batalla que pode lembrarnos a certos xogos de rol xaponeses, e nos que tomaremos o papel do Doutor e os seus acompañantes, que terán que enfrontarse aos inimigos habituais na serie de televisión (como os Daleks ou os Cybermen).
As distintas fases repártense en tempadas da serie de televisión, nas que haberá que superar distintos ataques inimigos divididos en vagas, á vez que xestionaremos o equipamento e o progreso dos nosos personaxes.
Non estamos ante unha grande superprodución, senón ante un xogo desenvolvido por un par de pequenos equipos de videoxogos independentes que uniron forzas para demostrar o seu afecto á serie da BBC.



Trailer de Doctor Who: Legacy

PUBLICIDADE