Un xornada na Cidade da Cultura abordará a responsabilidade social empresarial no sector TIC

martes, 19 de novembro do 2013 Redacción

A Cidade da Cultura de Galicia acollerá este mércores unha xornada intensiva sobre unhas cuestións que tódolos internautas desenvolven ou desenvolveron algunha vez ao longo da súa vida en liña, cada vez que foron requiridos por familiares, amigos ou compañeiros de traballo para compartir os seus coñecementos e botar unha man na súa contorna. Falamos de cuestións como a responsabilidade social e o voluntariado dixital, pero desta volta aplicadas ao eido empresarial galego. A xornada, que inclúe a sinatura dun protocolo de colaboración (Proxecto RSE-TIC) para o fomento da responsabilidade social empresarial no sector das novas tecnoloxías, vén da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que dará comezo ás actividades ás 10.00 horas coa sinatura do devandito protocolo.
Nesta sinatura, por certo, participarán a Consellería de Traballo, AMTEGA, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), o Clúster TIC Galicia e a Asociación Galega de Empresas Adicadas a Internet (EGANET). A continuación, será a quenda das empresas galegas do eido das TIC, que achegarán diversos exemplos de boas prácticas en materia de alfabetización, asesoramento, acción social, compromiso con colectivos en risco de exclusión ou loita contra a fenda dixital. Intervirán, nunha primeira quenda, empresas como Imaxdi (centrada en dar respostas tecnolóxicas para as necesidades da sociedade en materia de saúde, principalmente), Bahía Software (compañía biomédica especializada no desenvolvemento de dispositivos médicos portátiles) e Wireless Galicia (tecnoloxía para a saúde e o benestar). Logo, amosarán a súa experiencia Instra Enxeñeiros, Everis e Igalia. Tamén intervirán, achegando casos de boas prácticas no voluntariado corporativo ou na integración social, Iterdata Networks, Balidea Consulting, Abertal e Icarto. Por último, diversos profesionais farán un percorrido por cadansúa empresa facendo fincapé en iniciativas de responsabilidade social transversal, empresas como Ednon, o operador R ou Tecnocom.

PUBLICIDADE