Unha aplicación de monitorización de adolescentes filtra milleiros de credenciais de usuarios

luns, 21 de maio do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucas as filtracións de credenciais de usuario que escandalizaron ao público polo volume de datos expostos, pero hai ocasións nas que o escándalo chega por mor do tipo de contas comprometidas, como é o caso de TeenSafe, unha aplicación de monitorización dos móbiles de adolescentes que, en vez de contar co nivel de seguridade propio deste tipo de servizo, descubriuse que cando menos un dos servidores empregados pola aplicación facilitaban milleiros de contas de pais e fillos.
TeenSafe ofrece monitorización segura de dispositivos con iOS e Android, de xeito que os proxenitores poden coñecer as mensaxes de texto, a localización, a quen chaman, as aplicacións que teñen instaladas ou o historial de navegación web dos seus fillos, pero para facer tal o sistema fai cousas tan inseguras como almacenar en ficheiros sen cifrar as credenciais dos usuario, pero dun xeito moito máis grave pode que podería imaxinarse, xa que, no caso dos iPhone, non só almacenaban enderezo de correo electrónico asociado á conta de Apple, senón tamén o seu ontrasinal, de xeito que calquera podería acceder ás contas persoais dos menores, o que supón unha seria violación da súa intimidade.
Ante o descubrimento desta filtración masiva de datos dende TeenSafe aseguran que os datos dos seus usuarios están almacenados en servidores seguros e cifrados, o que non parece axustarse á realidade, e dá a impresión de que fan un uso neglixente da información persoal nun caso extremadamente sensible, no que a seguridade é un dos factores máis importantes.

PUBLICIDADE