A cidadanía dá o aprobado á calidade dos servizos públicos das administracións

mércores, 6 de febreiro do 2013 Redacción

Dous estudos arredor do Goberno Aberto veñen de tirar unha serie interesante de conclusións sobre a visión que temos da eAdministración. Nas ditas análises, presentadas polo director xeral de Red.es, Borja Adsuara, tratábanse temas como a oferta e demanda en España, os modelos, estratexias e iniciativas nacionais e internacionais desenvolvidas até a data. Como dixemos, o nexo común de todas estas cuestións e dos dous estudos foi o concepto de Goberno Aberto, unha cuestión que, segundo se define no estudo Obxectivos, estratexias e actuacións nacionais e internacionais sobre Goberno Aberto, consiste nun modelo de goberno que se quere sustentar nos principios de transparencia (información aberta e accesible), participación (coñecer a opinión da cidadanía) e colaboración coa cidadanía, aproveitando as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para mellorar a calidade da democracia e o funcionamento das administracións públicas.
Os resultados da outra das investigacións presentadas, Estudo da demanda e uso de Goberno Aberto en España, concluíron que un 65,5% dos cidadáns considera, como boa ou moi boa, a calidade dos servizos públicos das administracións, aínda que o 63,2% non confía nas administracións. Pola súa banda, os usuarios de Internet valoran máis a calidade dos servizos públicos que os non internautas (67,2% fronte a 59,2%). Sendo o 42,2% dos cidadáns os que empregan a eAdministración para realizar trámites coas administracións como a declaración da renda, descargar formularios ou solicitar cita no médico. Outro aspecto a salientar desta enquisa é que os usuarios de Internet manifestan máis interese nos asuntos políticos que os non usuarios (53,6% fronte a 34,8%).
Engadir que boa parte das accións levadas a cabo polos gobernos encádranse no Open Data ou implantación de portais web con datos públicos que os cidadáns poden consultar e procesar dixitalmente. No caso da participación, baséanse en iniciativas de consultas e peticións cidadás a través de internet. Sendo as actuacións de colaboración as menos desenvolvidas.

PUBLICIDADE