Unha cadea de cibers merca The Pirate Bay

martes, 30 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Global Gaming Factory X AB, compañía propietaria dunha rede de cibercafés, estaría a pechar a compra de The Pirate Bay por valor de 60 millóns de coroas suecas (5,54 millóns de euros, dos que como mínimo a metade sería en efectivo), o que podería supor un importante cambio para o coñecido buscador da rede BitTorrent, que podería comezar a pagar dereitos sobre as obras descargadas grazas ao seu servizo, aínda que sen determinar cómo financiaría estes pagamentos.
Coa operación, Global Gaming Factory faríase propietaria tanto de The Pirate Bay coma de Peerialism (outra compañía que desenvolve solucións P2P) de xeito que gañarían unha posición estratéxica no mercado internacional de distribución dixital, pois son conscientes que o intercambio de arquivos supón actualmente máis da metade do tráfico da Internet, sendo moi importante este mercado de cara ao futuro.
Os responsables de The Pirate Bay instan aos seus usuarios a non preocuparse pola operación, que principalmente serviría para manter o servizo operativo, aínda que teña que evolucionar para sobrevivir (argumentando que non agardan pasos atrás, porque as limitacións no servizo tamén ocasionarían a perda de usuarios). Aseguran que continuarán ao pé do canón, e que os beneficios da venda de The Pirate Bay irán a parar a unha fundación que promova proxecto en defensa da liberdade de expresión, a liberdade de información e a apertura da Rede.

PUBLICIDADE