Unha conferencia sobre a IA no deporte inaugura o curso na Facultade de Ciencias da Actividade Física da UDC

venres, 17 de novembro do 2023 S. P.

O salón de actos da Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro martes, día 21 de novembro, ás 13:30 horas, a lección inaugural do curso 2023/2024. A intervención, que leva por título A Intelixencia Artificial no deporte: transformando a profesión e a formación Universitaria correrá a cargo do profesor da Universidade de Vigo Vicente Romo Pérez, antigo docente da facultade coruñesa.
Vicente Romo Pérez é na actualidade o coordinador do Máster Interuniversitario en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde da UDC e a UVigo, onde imparte Metodoloxía Experimental e Cuasiexperimental nas Ciencias da Actividade Física e do Deporte e Aprendizaxe e Control Motor. Con anterioridade, exerceu a docencia nas universidades de Granada e da Coruña e realizou estadías de investigación durante tres anos na Universidade de Illinois at Urbana-Champaing, nos Estados Unidos de América. Ademais, foi decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo.
Na súa lección inaugural, Romo Pérez tratará o tema da Intelixencia Artificial desde a perspectiva dos desafíos e as oportunidades que supón para o profesorado, e cuestionará así mesmo se supón unha ameaza ou un aliado para o alumnado.

PUBLICIDADE