Unha ducia de empresas innovadoras preseleccionadas xa para os Premios Galicia Spin-Off

venres, 23 de outubro do 2015 Redacción

Os Premios Galicia Spin-Off, organizados por Banco Pastor (Grupo Banco Popular) e o portal galego de divulgación científico-tecnolóxica Gciencia, xa teñen finalistas. Trátase dunha ducia de firmas “pertencentes aos máis diversos sectores produtivos”, como por exemplo a creación de software innovador, a eSaúde, a agroalimentación ou a achega de produtos innovadores procedentes do mar. Todas elas competirán na elección final das gañadoras dos ditos premios, que se dirixen a salientar as mellores iniciativas empresariais xurdidas nos grupos de traballo de traballo das nosas tres universidades (o que se coñece como spin-offs).
Segundo informan os organizadores do certame, o xurado xa se atopa arestora deliberando sobre o potencial de cada firma participante (alto en calquera dos casos) e os destinatarios finais dos galardóns. “A elevada calidade das propostas presentadas”, explican, “fará complicado o labor do xurado, que comunicará a súa decisión ao longo do mes de novembro”
As dúas categorías do premios (Idea Emerxente e Selo de Calidade) recoñecen, respectivamente, a unha spin-off que irrompese nos últimos dous anos cunha idea innovadora e a unha empresa sobranceira pola súa traxectoria de prestixio ao longo dos últimos anos. Ademais, sinálase, no apartado Idea Emerxente haberá ademais dúas finalistas que (de igual maneira que a gañadora), terán unha oferta especial para financiar o seu proxecto innovador por parte de Pastor.
O xurado está composto por membros do Banco Pastor, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da Real Academia Galega das Ciencias (RACGC), da Secretaría Xeral de Universidades (Xunta de Galicia) e do portal GCiencia, que se completa co investigador Antonio Figueras, ex vicepresidente do CSIC e director do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. O acto de entrega de premios celebrarase antes de final de ano nunha cidade a designar. O xurado integra CSIC, Academia de Ciencias, Secretaría de Universidades, Pastor e Gciencia.

PUBLICIDADE