Unha ducia de xémeos poñen a proba o recoñecemento facial de Windows Hello

xoves, 20 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Con Windows 10 Microsoft quere apostar por novos xeitos de identificar aos usuarios, entendendo que o control biométrico pode ser moi fiable e seguro, de aí que ao seu redor montasen a tecnoloxía Windows Hello, que aínda que poida funcionar cos tradicionais lectores de pegadas dixitais, aposta máis polo uso do recoñecemento facial e de iris. Pero co recoñecemento facial non estamos a falar dun sistema baseado en webcams tradicionais, senón na tecnoloxía RealSense de Intel, que xa vén integrada en equipos como o Lenovo Thinkpad Yoga 14, e que vén de ser sometido a unha dura proba por parte do xornal The Australian, que colleu a seis parellas de xémeos univitelinos para ver se o sistema de cámara que integra infravermellos para conseguir un rexistro volumétrico das imaxes (de xeito que non se deixaría enganar por fotografías nin se vería afectado pola iluminación como outros sistema de recoñecemento facial) era quen de distinguir a persoas xeneticamente idénticas, e curiosamente só fallou nun caso, sendo incapaz de identificar a unha parella de xémeas, pero en ningunha das ocasións permitiu que unha persoa puidese suplantar a outra, proba que podería levarnos a confiar bastante nesta tecnoloxía que segundo Microsoft ten unha taxa de erro inferior a 1 entre 100.000. Amais, os datos biométricos estarían almacenados no ordenador, polo que se alguén quixese suplantar a nosa identidade, non só tería que replicar a nosa cara, senón que tamén tería que facerse co equipo informático no que se estableceu o recoñecemento facial.

PUBLICIDADE