Unha empresa de Santa Comba comercializará (nas tendas e en liña) kits de conversión de motores de gasoil a aceite vexetal

xoves, 13 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Se cadra unha das características máis salientables do ser humano é a súa capacidade para aprazar medos. Que o planeta enteiro vai a pique por mor da nosa propia irresponsabilidade? Pois xa teremos tempo de preocuparnos outro día, que hoxe estamos moi atarefados. Isto é aplicable tamén á condución. Moitos de nós seguimos a coller o coche e a facer cousas sen moito senso, e a desgraza (propia ou allea) fica tan lonxe que, se nos deixan, seguiremos nas mesmas durante toda a vida. Por se isto fose pouco, volvemos coller o vehículo para ir da casa á taberna, e preocúpanos máis que o resto da xente saiba que temos coche que achegar un pouco máis de CO2.
Dá o mesmo que logo non atopemos sitio para aparcar e andemos a trompadas co resto dos condutores. O que importa é viaxar quentiños dentro do automóbil.
Toda esta enleada vén a conto para facer chegar a seguinte mensaxe: hai máis alternativas ós combustibles contaminantes, máis baratas e, sobre todo máis limpas. E todo iso sen que haxa que cambiar de coche. Podémolo ver na Web galega a través das propostas de Manuel Amigo: no sitio do Taller Amigo de Santa Comba (do que é xerente), na web Autochovil e a través de Ecoengin, empresa coa que vai colaborar montando e comercializando kits de modificación para uso de aceite vexetal como combustible.
Este traballo de adaptación, do que temos falado xa nesta mesma páxina, colle agora novos folgos tirando proveito da experiencia previa do dito taller de Santa Comba (que leva apostando anos polo emprego do aceite convencional como opción válida e real ó gasóleo) e de países como Alemaña, onde xa hai un parque de 100.000 coches, 3.000 tractores agrícolas e 10.000 camións, amais de múltiples motores estáticos, barcos ou maquinarias de obras públicas.
Nestes intres”, coméntanos Manuel Amigo, “estamos a negociar varios puntos de subministro de aceite nas principais vías de comunicación españolas co gallo de abastecer ós camións que noso socio tecnolóxico alemán Vereinigte Werkstätten für Pflanzenöltechnologie está a transformar para a maior empresa de loxística daquel país”.
Os motivos da aposta de Taller Amigo e de Ecoengin por este tipo de combustibles son varios, amais dos económicos (para os propios responsables e para os consumidores: no sector do transporte, por exemplo, este biocombustible en particular está exento de impostos, sendo o prezo de referencia de 0,80 céntimos o litro de aceite vexetal homologado). Porén, a aposta fundamental está no ecolóxico: este combustible é cen por cen renovable, non é dañino coa natureza (é natural), é totalmente estable (a combustión comeza ós 220 graos) e diminúe a achega dos gases que provocan o efecto invernadoiro.
Para máis información, cómpre visitar webs como www.pflanzenoeltechnik-nord.de, onde se ofrecen detalles sobre as conversións de vehículos de gasóleo a aceite convencional.
Os kits de Amigo e Ecoengin comezarán a comercializarse en xaneiro de 2008, estando aberto aínda o proceso de definición sobre os puntos distribuidores.
Para máis información, cómpre poñerse en contacto cos responsables destes produtos a través dos enderezos constantinoamigo@constantinoamig.e.telefonica.net e info@ecoengin.es.

PUBLICIDADE