Unha empresa galega de deseño web recibe o recoñecemento da UE
martes, 22 de decembro do 2009
A galega Factoría Eurodigital, unha empresa con sede en
Pontevedra con máis de dez anos de experiencia no campo do deseño e do
desenvolvemento de produtos audiovisuais en liña, vén de recibir un importante
recoñecemento ao seu labor por parte da Unión Europea, que logo dunha
década facendo reais os proxectos de outras empresas, chega nun momento de auxe
para esta entidade.
A firma, á que lle debemos a creación de portais tan
interesantes como www.descubregalicia.com e www.virtualplanet360.com, foi
distinguida pola Unión Europea de entre máis de 1.500 proxectos pola súa faceta
innovadora e creativa, dúas características que definen á perfección as
ferramentas creadas polos seus deseñadores.
Esta distinción aínda adquire máis relevancia se temos en
conta que 2009 foi declarado Ano Europeo
da Creatividade e Innovación e que xunto a Factoría Eurodixital unicamente
outras 16 empresas españolas foron recoñecidas no marco dun programa destinado
precisamente ao fomento de iniciativas innovadoras e creativas.
Un grupo de expertos independentes responsables do
desenvolvemento dos programas da Comisión Europea no ámbito da innovación foron
os encargados de seleccionar as propostas que máis se axeitaban ao programa
marco, entre os que saíu escollida a iniciativa galega.
Para José Manuel García Fernández,
director de Factoría Eurodixital, este recoñecemento por parte da Unión Europea
representa o “colofón a unha traxectoria
que se iniciou fai agora 10 anos, cando un grupo de mozos entusiastas das novas
tecnoloxías puxeron en marcha este proxecto con máis vontade que medios”.