Unha empresa galega realiza emisións a través de YouTube Live

xoves, 23 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Na canle de YouTube de Itineris pode verse que teñen unha ficha destinada ás emisións en directo

YouTube leva uns meses xogando coas emisións en directo a través da súa web, e tras a voda real británica e a beatificación de Xoán Paulo II abriron as portas a moitos partners para que aproveitasen esta plataforma de vídeo para amosar contidos en vivo, sorprendendo agradablemente que entre as empresas que fan uso de YouTube Live hai unha galega, Itineris.
Iter Itineris, S.L. é unha empresa compostelá de lecer e turismo activo, que organiza numerosas actividades deportivas e de tempo libre especialmente en contornos naturais, como carreiras de orientación, escalada en rocha, paintball, raid multiaventura, rocódromo, rutas a cabalo ou en quad, tiro con arco, xogos de xeocaptura… que recollen na súa canle de YouTube, na que figura a opción de ver contidos En directo, que conseguiron tras solicitar a YouTube a incorporación no seu programa de partners como unha canle para librar de intermediarios o seu negocio.
Entre os contidos en directo que ofreceron dende Itineris figuran a acampada que tivo lugar na Praza do Obradoiro no mes de maio. ou a final do certame NoSóloMonólogos 2011 e varios concertos.

PUBLICIDADE