Unha entrada sobre o 11-M podería ter provocado o peche dun blog de ElMundo.es

luns, 5 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Un dos blogs máis populares de ElMundo.es era sen dúbida El Descodificador de Javier Pérez de Albéniz, quen daba unha visión crítica e bastante atinada sobre o panorama televisivo español, pero que, tras unha crítica sobre as distintas visións que se dan sobre a sentenza do xuízo do 11-M, oposta á liña editorial de El Mundo, parece que Pérez abandona o seu espazo cun «hasta luego» no que moitos len un acto de censura e un peche dun apartado de opinión.
O xornalista xa tiña un estilo propio e non destacaba precisamente por seguir a liña editorial da publicación na que se integra o seu blog, pero o feito de que se peche xusto despois dun artigo sobre o 11-M dá a entender que na cabeceira dirixida por Pedro J. Ramírez non respectan a liberdade de expresión en espazos supostamente habilitados para manifestacións persoais e que se deberían destacar precisamente por non axustarse ós contidos ordinarios dun xornal en liña.

PUBLICIDADE