Unha investigación danesa desbota a relación móbiles-cancro

luns, 24 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Que se son malos, que se non son tan malos, que se non pasa nada. A historia dos móbiles e dos seus supostos efectos negativos para a nosa saúde, con informes que van por un lado e estudos que van polo outro, semella a historia de nunca acabar. Ao final, supoñemos, imporase o que en ocasións é o mellor dos termos: o termo medio. Ou sexa, que o ideal será unha medida xusta, un uso racional destes aparellos aínda que con algún que outro matiz: aos nenos, por se acaso, mellor lles sacamos o móbil da man. O caso é que este luns acordamos cun novo estudo que rexeita que estes trebellos incrementen o risco de cancro. O informe (en pdf), vén da man do Instituto de Cancro e Epidemioloxía de Dinamarca, e foi feito ao longo de 18 anos de estudos sobre unha base de 350.000 persoas, o que semella que lle outorga certa fiabilidade. Pois ben, segundo se apunta nas súas conclusións, non existe relación entre o emprego de móbiles e un maior risco de cancro cerebral (gliomas).
O informe xa foi publicado polo British Medical Journal e reflectido por medios como a BBC ou El País, onde se destaca entre outras cousas o que contrastan as súas conclusións, positivas para a industria das telecomunicacións, cos datos que achega dende hai anos a Organización Mundial da Saúde e que apuntan a un vínculo claro entre o emprego indiscriminado do móbil e o desenvolvemento das ditas doenzas. Sexa como sexa e volvendo ao informe que nos ocupa, dicir que ao longo dos anos de traballo que o fixeron posíbel, non se atopou entre os usuarios da tecnoloxía unha proporción meirande de enfermidades cerebrais ou no sistema nervioso central que entre aqueles que non empregaban estes aparellos ou eran usuarios recentes. Tampouco se rexistraron maiores taxas de doenzas entre as persoas que levaban máis anos usando estes aparellos, máis de 13 anos. O estudo, sinálase, centrouse sobre todo en cidadáns que non fosen clientes dun servizo móbil e, tamén, en persoas que levasen subscritos a estes servizos dende antes de 1995, para así, deste xeito, evidenciar máis os posíbeis contrastes entre uns outros.

PUBLICIDADE