Unha muller podería pasar a ser a máxima responsable de Twitter

xoves, 11 de maio do 2023 Marcus Fernández

Hai meses que Elon Musk anunciou que non estaba interesado en manterse a cargo do día a día de Twitter, senón que preferiría deixar o posto de director xeral a outra persoa, mantendo a súa posición como director técnico e aínda que tamén afirmou que era case imposible atopar alguén tan parvo como para aceptar o posto, semella que finalmente atopou unha persoa que collerá as rendas de Twitter dentro de 6 semanas, e será unha muller.
Aínda que Musk non desvelou o nome da persoa fichada para a dirección xeral de Twitter, The Wall Street Journal asegura que sería Linda Yaccarino, directora de publicidade global de NBCUniversal, quen curiosamente entrevistou a Elon Musk nun evento en Miami hai menos dun mes, momento no que comezaron os rumores de que Musk podería ter convencido a Yaccarino para liderar Twitter e así tentar que os anunciantes volvan confiar na plataforma para colocar as súas campañas.
Será interesante ver se un cambio na dirección de Twitter consegue que a compañía saia do burato na que a meteu Musk, tanto a nivel de reputación como legal, xa que hai previsión de que nos vindeiros meses comecen a facerse efectivas sancións a múltiples niveis en EE.UU. e Europa (principalmente impagamentos acumulados dende a entrada de Musk na compañía e incumprimentos da lexislación de protección de datos) que poderían levar a compañía á bancarrota.

ACTUALIZACIÓN: Elon Musk confirmou que Linda Yaccarino será a vindeira directora de Twitter, detallando que se encargará da operativa da empresa, mentres que Musk continuará a cargo do deseño de produto e das novas tecnoloxías. Tamén asegura que ambos colaborarán na transformación de Twitter en X, unha aplicación para todo.

PUBLICIDADE