Unha solución do CITIC permite saber en tempo real como se comportan as persoas a través dos seus movementos

venres, 14 de marzo do 2014 Redacción

Como son de valiosos para un centro comercial uns datos que lles digan que expositores ou corredores teñen un maior movemento? Ou que espazos son menos visitados ou cales son os produtos estrela? E ata, como ha de entenderse un determinado movemento dunha persoa nunha pista dun aeroporto? Obter esta información xa é posible grazas a unha solución de software creada pola Área Tecnolóxica de Procesado de Imaxes do CITIC. Baseada en técnicas de investigación en visión artificial e recoñecemento de patróns, desde o CITIC desenvolveuse unha ferramenta que, mediante o exame de secuencias, permite analizar en tempo real o comportamento humano e levar a cabo un seguimento de persoas a partir de vídeos e imaxes.
Esta solución realiza unha análise automática das secuencias de movementos a partir de decenas de variables entre as que se inclúen as traxectorias dos desprazamentos das persoas, as súas velocidades, como se moven, o tempo que transcorre no caso de deterse... Unha vez recollidos todos estes datos realízase unha interpretación automática destas accións en base a un conxunto de regras, polo que se pode ditaminar o comportamento das persoas a través dos seus movementos. Ata se poden identificar as distintas partes do corpo de cada individuo presente na escena.
Aplicacións múltiples
Polas características da solución e o fornecemento da información en tempo real son moitos os sectores nos que pode aplicarse. Manuel F. González Penedo, investigador principal da Área, explica como pode ser a súa transferencia a algúns eidos concretos: “O comercio e a súa extensión ao campo da publicidade ou o visual merchandising son sectores onde se ve unha incorporación moi clara. Podemos coñecer en todo momento como se desprazan os consumidores nun espazo comercial, onde se deteñen, a que produtos prestan unha maior atención… Esta información permitiría modificar a distribución dos mostradores, vitrinas ou estantes para fomentar un aumento das vendas en función desta información recibida”.
Son moitas as aplicacións sociais que pode atopar esta solución, xa sexa en contornas médico-sanitarias (hospitais, centros médicos, servizos de urxencias, atención á terceira idade) ou en servizos a implementar nas Smart Cities como a monitorización de tráfico). “E sen esquecernos da seguridade. A solución de software desenvolvida detecta calquera tipo de movemento anómalo de persoas, polo que se de súpeto, nunha pista dun aeroporto alguén varía a traxectoria habitual saíndose do estándar, saltaría unha alarma que avisaría automaticamente desta situación. O mesmo sucedería con puntos determinados coma o paso por arcos de seguridade”, engade González Penedo.
Na actualidade o equipo de traballo responsable desta solución, liderado polo investigador Marcos Ortega Hortas, está a traballar na incorporación de novas variables á análise. Non só se rexistrará a traxectoria ou a velocidade do movemento, tamén se valorará como é ese movemento, amosando se unha persoa se despraza dando saltos ou se o fai nun punto fixo, unhas novidades que poderían favorecer os sistemas de seguridade existentes nos centros neurálxicos das cidades.

PUBLICIDADE