¿Unha tuiteira de 104 anos?

luns, 18 de maio do 2009 Marcus Fernández

A semana pasada saíu na prensa británica a historia dunha muller de 104 anos que comezaba a facer uso de Twitter, de xeito que sería a tuiteira máis vella do mundo, pero resultaba moi sospeitoso que a fotografía da lonxeva Ivy Bean que aparecía nos medios amosaba na pantalla do seu ordenador as súas dúas primeiras entradas en Twitter, deixando claro que non foi unha iniciativa espontánea, senón que a nova estaba amañada, o que dende TechCrunch pensaron que se trataba dunha artimaña da prensa británica para captar audiencia, pero ao pescudar máis sobre o asunto descubriron que en realidade non eran os xornais os que estaban detrás desta información, senón que era a compañía de servizo técnico a domicilio Geek Squad a que estaba detrás deste fenómeno con puro interese publicitario.
Incluso as entradas que supostamente publica a señora Bean parecen falsas por utilizar palabras coma feed (o que dificilmente entenderá unha persoa maior que non está afeita á web), aínda que resulte positivo dar a coñecer que non hai idade máxima para introducirse nas TIC.

Imaxe que proba que a xente de Geek Squad está detrás da iniciativa de Ivy Bean

PUBLICIDADE