Unha vintena de pemes mergulláronse na CEO nos segredos das ferramentas intelixentes

xoves, 29 de xuño do 2023 S. P.

Ao abeiro do seu programa de accións para fomentar a innovación nas empresas, a iniciativa Conecta Ourense programou para este pasado 20 de xuño unha xornada dirixida a coñecer os métodos para levar esa innovación ao tecido empresarial. O taller Descobre como innovar na túa empresa desenvolveuse na Confederación Empresarial de Ourense coa participación de 20 representantes de pemes dun amplo abano sectores. Na xornada púxose o foco no potencial das ferramentas da Intelixencia Artificial e da innovación a través do pensamento.
Estiveron representados ábmitos de actividade empresarial como por exemplo consultaría, arquitectura, formación, viticultura, tecnoloxía, xestión ambiental, enxeñería, apicultura, electricidade ou organización de eventos, así como asociacións empresariais e centros tecnolóxicos, que aprenderon as técnicas para desenvolver procesos innovadores nos seus sectores e actividades.
O obradoiro, conducido por Consuelo Verdú, centrouse no desenvolvemento do modelo Design Thinking isto é, innovar aplicando a forma de pensar dos e das deseñadoras co fin de resolver os problemas mediante solucións prácticas. Trátase dunha metodoloxía de innovación que se centra nas persoas e axuda a identificar as necesidades reais dos usuarios e a desenvolver solucións efectivas. A relatora mesmo utilizou ferramentas de Intelixencia Artificial aplicadas a este modelo que axudan a resolver tódalas fases do proceso: exploración, reflexión, ideación e prototipado.

PUBLICIDADE