Unha xornada de coworking, a celebrar na Cidade da Cultura, fomentará a unión entre empresas e creadores

martes, 14 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Nestes tempos especialmente complicados para os sectores económicos tradicionais, a imaxinación e a creatividade son fundamentais para saír adiante con proxectos novos que non teñen un nicho de mercado consolidado.
Porén non só con imaxinación pode sobrevivir unha idea por xenial que pareza; a promoción da economía creativa é fundamental nestes tempos, como o é apostar pola Rede e as ferramentas tecnolóxicas que esta ofrece para o emprendemento.
Dende a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sabedores da importancia do traballo en rede ou coworking, e das redes sociais de ideas para lograr o éxito á hora de emprender calquera andaina, vai celebrar, o vindeiro xoves e venres, 16 e 17 de febreiro, un Encontro Internacional Economía e Cultura, no que se tratarán de ligar estes dous conceptos ao do mundo da empresa, a cultura, a innovación, as TIC e a creatividade; é dicir, unir o mundo empresarial co da arte e a creación.
Para isto, ningún escenario mellor que a Cidade de Cultura de Galicia, onde ao longo de dúas xornadas se reunirán axentes de ámbolos dous sectores co obxectivo de “buscar fórmulas imaxinativas de cooperación”.
Desta maneira, quince emprendedores, a través da fórmula Pecha Kucha (presentacións de breve formato áxiles e dinámicas), darán a coñecer cadanseus proxectos innovadores para os que precisan financiamento, e buscarán alianzas con outros sectores para levalos adiante.
Sete emprendedores farano na xornada do xoves, dedicada ao ámbito do deseño, a formación, a música ou a arte, á que acudirán firmas consolidadas e cunha longa traxectoria de colaboración como Martín Códax e outras máis emerxentes como NóComún ou a portuguesa Maus Hábitos.
Xa na xornada do venres, o Encontro posibilitará que axentes dun e outro sector poidan estreitar lazos coa presentación de oito proxectos novos nos que o talento creativo se combina con empresas aparentemente distantes e para os que se busca “compañeiro de viaxe”. Entre eles estará o deseñador e responsable de Espazo Showroom, Juan Ares, que exporá a súa alianza coa empresa de acuicultura Chicolino, dedicada a fabricar redes e cordas, para lanzar unha nova liña de produtos elaborados con estes materiais.
Tamén estará presente a firma viguesa Sinsal, que tras dez anos dedicada á promoción de concertos para público escollido e con aforos limitados, pretende favorecer un intercambio de servizos con outros sectores.
Ao longo das dúas xornadas, o complexo do Gaiás servirá asemade de stand demostrativo, no que os artistas e creadores lle poderán mostrar aos empresarios asistentes todo o que poden facer para mellorar os seus negocios.
Desta maneira, tanto as fórmulas clásicas como o mecenado ou o patrocinio, convivirán por dous días coas fórmulas máis innovadoras como o crowdfunding ou microfinanciamento, posto de moda máis recentemente.
No encontro exporanse tamén distintos casos prácticos como exemplo de posibles vías de financiamento nas que converxan os intereses do tecido cultural cos do empresarial, reportándolles beneficios a ámbolos dous sectores.
Ademais, deseñadores, directores artísticos ou consultores en estratexias en liña contarán en primeira persoa como a incorporación dun artista/creador a unha empresa tradicional “pode ser decisiva para o crecemento”, afirman dende a Consellaría.
Neste senso, deseñadores como Uqui Permui ou o equipo da firma Cenlitrospormetrocuadrado relatarán como a creación dunha imaxe diferenciadora a través do deseño permite atraer a novos públicos; e a firma sueca Tillt defenderá a implicación dun creador no proceso de produción para xerar proxectos innovadores.
A busca de innovación e novas fórmulas de traballo en ambos os dous sectores tamén centrará unha sesión do Encontro Internacional Economía e Cultura, ofrecendo exemplos das últimas tendencias neste eido como o coworking, no que profesionais de diversos sectores traballan en conxunto, xa sexa para lograr a mellora empresarial como CIB Bilbao ou para levar a cabo proxectos culturais como fai Utopic_Us; ou as redes sociais de ideas, campo no que destaca o proxecto Ideas4all: web onde compartir ideas, problemas e solucións de todo tipo.

PUBLICIDADE