United rompeu a miña guitarra, o último gran éxito na Rede

venres, 10 de xullo do 2009 Raquel Noya

De todos é sabido (e incluso asumido) o cariño co que os operarios das aeroliñas tratan as nosas equipaxes cando voamos a calquera destino do planeta. Tanto ten que viaxemos a Irlanda, como a EEUU, a México ou a Xapón, e paguemos auténticas barbaridades polos billetes, pois as nosas maletas e macutos, a parte de que poden acabar na outra punta do globo terráqueo sen nin sequera decatarnos tamén corren o risco de chegarnos nunhas condicións nada recomendables para quen porte obxectos fráxiles ou de valor.
Algo semellante foi o que lle ocorreu aos membros do grupo musical Sons of Maxwell, cando no 2008 viaxaron a Omaha con United Airlines. Segundo conta Dave Carroll, o compositor do grupo, a aeroliña estragoulle a súa guitarra Taylor de 3.500 euros durante un voo (e non precisamente polas turbulencias), e despois de tramitar incontables queixas e non ter atopado solución por parte da compañía, decidiu botar man das mellores ferramentas habidas e por haber para facer chegar o seu caso a tódolos recunchos do Planeta: a música e a Rede; unha combinación explosiva que deu como resultado un dos vídeos máis visto en YouTube nos últimos tempos así como a portada das redes sociais máis importantes de Internet: Reddit, Digg e Menéame.
O vídeo United rompeu a miña guitarra, que podemos ver subtitulado en español en LaInformación, narra as vivencias deste grupo mentres voaba dende Halifax a Omaha con parada en Chicago, onde viron como na parte traseira do avión, mentres agardaban para desembarcar, unha señora avisábaos de que “voaban guitarras alí fora”.
Agora, tal e como asegura Enrique Dans no seu blog, este vídeo, que dito sexa de paso contén un contry-folk clásico moi pegadizo, “vai traer polémica para largo” xa que United terá que cargar coa reputación de ser “a aeroliña que rompe equipaxes” e os tres mil cincocentos dólares que houberan amañado o problema inicial, seguramente se convertirán en moitos miles de dólares en perdas en pouco tempo.
Asemade, segundo afirma Dans, “a estas alturas, as solucións tórnanse complexas xa que, volver atrás para compensar a Caroll significaría que este o fixese público e unha porcentaxe importante de pasaxeiros que sufriron problemas similares reclamaran os seus danos”.
Sexa como for, o caso é que a triste perda da guitarra estalle a supoñer a este grupo un éxito impensable na Rede, onde só en YouTube xa visualizaron o vídeo máis dun millón de internautas.


O vídeo de Sons of Maxwell criticando a United Airlines

PUBLICIDADE