Universalízase a banda larga a 100 Mbps e a atención ao cliente deberá estar dispoñible en galego

venres, 10 de xuño do 2022 Marcus Fernández

O Congreso dos Deputados rematou a tramitación parlamentaria da Lei Xeral de Telecomunicacións, aprobada por 291 votos a favor, 51 en contra e ningunha abstención, figurando entre as súas principais novidades a universalización do acceso á Internet a unha velocidade mínima de 100 Mbps no prazo dun ano. O artigo 65 da Lei tamén inclúe unha adición na que se detalla que os servizos de atención ao cliente deberán ofrecerse en español e na lingua oficial da comunidade autónoma correspondente cando o usuario final ou consumidor o solicite.
Na actualidade o 95,2% da poboación ten cobertura de banda larga a unha velocidade mínima de 30 Mbps, mentres que os 100 Mbps só están dispoñibles para o 87,6% da poboación, situación que deberá mellorar nos vindeiros meses ante o novo marco do servizo universal que converte os 100 Mbps nun dereito dos cidadáns. Na Lei tamén se menciona que a banda larga a 100 Mbps terá que ter prezos asumibles, polo que haberá que adoptar numerosas medidas que poidan achegarnos ao obxectivo fixado polo Goberno.

PUBLICIDADE