Uns 150 investigadores do Campus de Vigo unen esforzos nun novo proxecto: AtlantTIC

mércores, 13 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Un esforzo individual pode valer moito no eido da investigación dixital, pero moitos esforzos poden contribuír a tirar dun país, física e virtualmente. Este é un dos piares da iniciativa AtlantTIC, centro de investigación posto en marcha con este curso escolar e ao abeiro da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Como o seu propio nome indica, a proposta ten dous eixes espaciais ben localizados: a nosa terra coa súa situación atlántica no mundo, e as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Con todo, a súa característica máis salientable vén sendo a arela de unir esforzos, máis polo miúdo o de 150 profesionais da dita escola que están a día de hoxe levando a cabo investigacións no eido da información dixital. Dirixindo este centro atópase a profesora Nuria González Prelcic, para quen o proxecto en cuestión é unha “estrutura investigadora potente e eficaz, de tamaño manexable e con potencial de abondo para abordar proxectos de investigación cooperativos”.
Como se dixo, o novo centro abrangue moitas vontades diferentes e, polo tanto, moitas liñas de investigación dispares. A idea é procurar o seu alicerce común, que o hai, e aproveitar a experiencia e o traballo dos seus integrantes a prol da investigación básica, situando ao centro como complementario de Gradiant, nado tamén ao abeiro dos investigadores da escola.
AtlantTIC”, sinala a Universidade de Vigocontribuirá a incrementar o ecosistema TIC que se está a xerar en Galicia e que conta xa cunha plataforma tecnolóxica, un clúster, un centro tecnolóxico e, agora, un centro de investigación de referencia”.
AtlantTIC ten o apoio dun antecedente de “rotundo éxito”, sinala González Prelcic, en relación á agrupación ACETIC, unha das oito unidades de investigación competitiva de Galicia formada por 11 grupos de investigación da área TIC da Universidade, en total preto de 150 investigadores (65 profesores doutores, 10 investigadores posdoutorais, 7 profesores non doutores, 59 investigadores en formación e 7 técnicos de apoio).

PUBLICIDADE