Varios centros educativos galegos adoptan accesos á Rede a 200 Mbps

luns, 4 de xaneiro do 2016 Redacción

A AMTEGA vén de ampliar a 200 Mbps a velocidade de conexión a Internet dos seguintes centros educativos: CEIP As Mercedes (Ourense), IES Lois Peñanovo (Vilalba), CEIP Praia de Quenxe (Corcubión), IES Marqués de Sargadelos (Cervo), CEIP Luís Tobío (Viveiro), IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa), IES A Basella (Vilanova de Arousa), EEI Concepción Crespo Rivas (Pontevedra) e IES Brión. Grazas a esta mellora dos centros, que contaban cunha liña de menos de 10 Mbps, terán un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos, permitindo a conexión simultánea dun maior número e o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.
Estes centros educativos son algúns dos máis de 2.300 centros de servizos públicos beneficiados polas melloras previstas no novo contrato de telecomunicacións da Xunta, que entrou en vigor este ano. Durante tres anos a Administración autonómica incrementará, en máis dun triplo de media, o ancho de banda de 1.014 centros da área de Educación, 119 de servizos sociosanitarios e 45 sedes xudiciais.
Esta actuación ampliarase ata o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria grazas a un acordo de colaboración entre a AMTEGA, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Ministerio de Educación, Cultura e o Deporte e Red.es. Cun orzamento de 19,1 millóns de euros ambas Administracións dotarán de conectividade de 100 Mbps a outros 839 centros públicos, así como dun punto Wi-Fi por cada 60 alumnos en todos os centros.

PUBLICIDADE