Vedra apoderará mulleres en risco polo vieiro das TIC

venres, 11 de febreiro do 2022 S. P.

O Concello de Vedra puxo en marcha unha iniciativa para apoderar á poboación feminina polo vieiro tecnolóxico: o proxecto Mulleres+. En concreto, o seu obxectivo é “mellorar a posición de mulleres de grupos vulnerábeis no acceso ao mercado laboral 2.0 e ao sector tecnolóxico e dixital”.
A concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade, Susana García Lema, explica que en setembro pasado tiveron experiencia piloto que dou moi bos resultados. “Gustaríanos que participaran todas as mulleres de Vedra, de calquera idade ou condición, xa que se trata dun programa moi interesante, gratuíto e cuns contidos moi necesarios tanto a nivel profesional como persoal”, comenta, engadindo que Mulleres+ non se trata unicamente dun programa de formación, xa que se busca apoderar ás mulleres e axudalas a que melloren as súas habilidades sociais, a súa autonomía, a súa calidade de vida e o seu desenvolvemento persoal.
O programa iniciarase o 1 de marzo de 2022 e rematará o 26 de xaneiro do 2023 sendo xullo e agosto meses inhábiles polas dificultades de asistencia das mulleres usuarias.
Crearanse dous grupos que traballarán nas aulas do edificio da Estación de Santa Cruz de Rivadulla e nas Aulas da Terceira Idade de Vedra.
Para anotarse só é necesario achegarse ao concello ou chamar por teléfono ao departamento de servizos sociais no 981814693.
Mulleres+ nace a partir dunha realidade do concello de Vedra e doutros territorios da nosa xeografía: a existencia dunha baixa taxa de actividade laboral e empresarial feminina. “A falta de formación en TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), entre outras razóns, aumenta a dificultade á hora de conseguir un posto de traballo e isto, a súa vez, provoca unha falta de motivación”, sinalan dende o Concello.
A partir de esta realidade deséñanse unha serie de puntos nos que incidir para reverter esta situación, poñendo o foco nos obxectivos que citamos máis arriba.
O programa centra a súa actividade nas mulleres en risco de exclusión e abrangue distintas circunstancias que van desde as vítimas de violencia de xénero ou de explotación sexual ata inmigrantes ou emigrantes retornadas. Tamén poden participar reclusas ou ex reclusas, dependentes en procesos de rehabilitación ou procedentes de institucións o reeducación de menores.
Mulleres+ artéllase en distintas áreas de contidos vencelladas aos obxectivos do programa. Na primeira buscarase o coidado propio incidindo na saúde mental, física e emocional. O seguinte paso será o apoderamento da muller a partir de actividades destinadas á inclusión laboral, a autoxestión e a autodeterminación. A terceira área de acción esta encamiñada á competencia dixital e a capacitación. Coñecementos básicos sobre TIC, formación teórica que busque a inclusión dixital, e sesións individuais para optimizar os coñecementos adquiridos.
Un das bases máis importantes de todo o programa é a creación de obxectivos seguindo a metodoloxía Smart. “Búscase definir metas específicos, medíbeis, alcanzábeis, realistas e cunha temporalidade establecida que axuden a medir os avances do programa”, sinala o Concello.

PUBLICIDADE