VermisLab dá a benvida á primavera con obradoiros de tecnoloxías aeroespaciais e intelixentes

martes, 3 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

VermisLab, o proxecto educativo galego impulsado por Vermis Project (estudo galego de deseño e desenvolvemento), vainos achegar unha primavera de actividades argalleiras para facer avanzar á nosa rapazada polos itinerarios STEM, que son os que veñen marcados (polas súas siglas) pola formación en Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemáticas. Será un programa marcado polo participativo, o interdisciplinar e en palabras de Vermis, polas “experiencias de aprendizaxe únicas” arredor des tecnoloxías das que escoitaremos falar, e moito, o día de mañá. A axenda comeza en Carballo, este mes de marzo, cun obradoiro sobre tecnoloxía aeroespacial e prosegue en Santiago, en abril, cun taller sobre Intelixencia Artificial.
Respecto do de Carballo, celébrase o día 21 de marzo en horario de 10.00 a 13.00 horas, no número 2-4 da rúa Anllóns (o local de Maker Store). Neste obradoiro os nenos e nenas (de máis de 5 anos) levarán a cabo un adestramento espacial no que realizarán diferentes actividades coas que se converterán, en palabras dos organizadores, “en verdadeiros/as astronautas” (fabricarán o seu propio foguete, argallarán enxeños de robótica espacial e experimentarán con gravidade cero con Realidade Virtual).
No que atinxe á seguinte actividade formativo-divulgativa, a de Santiago, será un obradoiro de Intelixencia Artificial para achegar á rapazada a unha tecnoloxía “que revolucionará o mundo tal e como o entendemos agora e coa que seguro traballarán no futuro”. Na cita, mostrarase a historia desta disciplina de traballo, que tipos sistemas intelixentes existen, onde podemos atopalos e cales son as posibilidades que teñen. Durante o obradoiro realizaranse varios proxectos de programación, nos que se aplicará a Intelixencia Artificial para diversos usos. Celebrarase o 19 de abril en horario de 10.00 a 14.00 horas. É un taller para crianzas de máis de 8 anos.
As actividades de VermisLab proseguirán o 25 de abril cun Taller de Inventos en Carballo, novamente no local de Maker Store. Nesta nova cita as nenas e nenos (de oito anos en adiante) aprenderán conceptos de lóxica computacional a través de programacións “moi sinxelas e divertidas”. Ademais, desenvolverán as súas habilitades de prototipado levando a cabo mini-inventos e empregando a Micro:BIT. Desenvolverase en horario de 10.00 a 13.00 horas.
Polo que respecta ao mes de maio, está previsto un Obradoiro de Stop-Motion e Electrónica Básica, o 9 de maio no mesmo local de Carballo e en horario de mañá, para rapazas e rapaces de máis de 6 anos. Durante esta actividade, as e os participantes aprenderán a desenvolver animacións “fotograma a fotograma”, comenzando por introducirse na electrónica básica e empregando, tamén plastilina condutiva para dar forma ás personaxes das súas historias. Tamén terán a oportunidade de plasmar as súas animacións coa axuda de tabletas e diferentes ferramentas software. Celebrarase en horario de 10.00 a 13.00 horas.

PUBLICIDADE