ViaGalicia busca no Campus de Lugo as novas startups que dixitalizarán o sector primario

xoves, 26 de xaneiro do 2023 S. P.

A aceleradora de startups promovida pola Xunta de Galicia xunto coa Zona Franca de Vigo, a aceleradora ViaGalicia, presentou en Lugo a sétima edición do seu programa de validación, maduración e posta en marcha de ideas emprendedoras co obxectivo de “xerar emprego a través do emprendemento”, sinalou a delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera.. Na cita participou Manuel Aldecoa, técnico de emprendemento de Zona Franca de Vigo, quen sinalou que “o sector primario presenta un alto potencial como nicho de emprendemento coa implementación de novas tecnoloxías”.
Aldecoa presentou esta semana, na sede universitaria luguesa, os detalles da sétima edición da aceleradora de startups ViaGalicia, un programa promovido en colaboración coa Xunta de Galicia que na súas edicións anteriores permitiu a constitución de 78 novas firmas innovadoras, logo de asesorar e madurar unhas 200 ideas de negocio dos preto de 1.300 proxectos empresariais innovadores recibidos, segundo indicou Aldecoa.
A presentación da nova convocatoria responde á pretensión de “xerar emprego e crear riqueza a través do emprendemento”, segundo puxo de manifesto a delegada do reitor da USC para o Campus Terra. Elvira López Mosquera enumerou asemade o caso de tres realidades empresariais agromadas na sede universitaria luguesa que pasaron por ViaGalicia, tal como son as firmas tecnolóxicas Innogando, Legalmit ou 3edata.
Alén de reiterar o éxito xa acadado polas persoas que promoveron estas ideas innovadoras xa transformadas en realidades empresariais, Manuel Aldecoa, indicou que a presentación deste nova convocatoria de ViaGalicia no Campus Terra “responde tanto ao feito de que esta aceleradora de proxectos innovadores conta con sede na capital luguesa, así como a que a maioría das startups xorden en contextos universitarios, nos que investigadores propoñen ideas de negocio innovadoras que contribúen á diversificación do tecido empresarial de Galicia, ademais de modernizar e dinamizar sectores estratéxicos capaces de crear emprego, atraer e reter talento, que son algúns dos obxectivos de ViaGalicia”, dixo Aldecoa.
ViaGalicia é un programa de alto rendemento que mestura, baixo a supervisión dun equipo de expertos, formación, titorización, asesoraminto especializado, mentoring, espazo de traballo e liñas de financiamento. Contará con sede propia na sede universitaria luguesa. O prazo de presentación de propostas fica aberto ata o 31 de xaneiro.

PUBLICIDADE