Viacom quere agochar a mala actuación de Britney Spears nos premios da MTV

xoves, 13 de setembro do 2007 Marcus Fernández

A actuación de Britney Spears durante os MTV Video Music Awards deste ano foi sumamente polémica, pois o que pretendía ser o retorno estelar da cantante se converte no que parece o seu epitafio artístico. Non estivo á altura de anteriores intervencións nos premios da MTV (como cando en 2003 se bicara no escenario con Madonna) e recibiu fortes críticas na prensa de todo o mundo dando a entender que non estaba lista para volver a actuar.


Unha das gravacións do evento que continúa a estar presente en YouTube

Tal foi a desfeita ocasionada por tal aparición da cantante que Viacom forzou a retirada de gravacións da mesma de servizos coma YouTube ou DailyMotion. Así, ó intentar visualizar algúns dos vídeos do evento máis visitados nos últimos días atopamos mensaxes coma «Este vídeo ya no está disponible debido a una reclamación de copyright realizada por Viacom International Inc.», aínda que pór cancelas ó campo resulta complicado e continúan a aparecer máis clips reproducindo a intervención de Britney Spears nos premios da MTV.
Esta estratexia de defensa de Britney Spears xa está a ser considerada de parva, aínda que a algúns lles está a servir para gañar os seus 15 minutos de fama, coma o caso do videoblogueiro Chris Crocker, que acadou millóns de visitas ó seu vídeo de defensa da cantante (chegando a chorar no mesmo polas críticas que se están a facer de Spears). Parece que a polémica nos medios tamén está a crear os seus propios fenómenos na Internet.

PUBLICIDADE