Viajeconnosotros.com: nova web de viaxes con feitura 2.0

martes, 11 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

As vacacións, tanto as fixas (as que se vén pasar dende o sofá da casa) coma as móbiles, xa non son as mesmas dende que a Rede se meteu nas nosas vidas. Agora, xa pouco se entende unha cousa sen a outra. Isto sábeno ben canta xente hai emprendedora no mundo e á procura de negocio, polo que non é de estrañar que en canto lle lances unha patada a unha pedra no virtual descubras tres ou catro novas axencias en liña. Unha das que máis ruído está a facer estes días é Viajeconnosotros.com, que é un portal de viaxes desenvolvido por Adesis Netlife e que se está a presentar como un recurso cen por cen 2.0 (a etiqueta que con máis impunidade nos pegamos todos na lapela a día de hoxe).
Máis no plano persoal, a web peta na porta dos internautas ofrecéndolles unha especie de salvavidas emocional perante a inevitable pero non por iso máis levadeiro regreso ó traballo.
Segundo apunta Adesis, o servizo ofece máximas garantías de seguridade e dispón de motores de busca e software que permiten a selección entre todas as compañías aéreas, “pudendo combinar rutas entre compañías e amosando a selección de voos ós prezos máis competitivos do mercado”. Asemade, prosegue, ofrece a posibilidade de seleccionar aloxamento entre máis de cincuenta mil hoteis a nivel mundial.
A idea do equipo responsable do produto, que empregou dez meses de traballo no seu deseño e posta a punto, é achegar algo seguro, intuitivo e eficaz agora que a oferta turística na Rede non para de medrar e con paso de xigante. E tanto.

PUBLICIDADE