Viber chega a Windows 8

mércores, 18 de decembro do 2013 Marcus Fernández

A aplicación de mensaxería instantánea Viber leva tempo apostando por estar presente en numerosos dispositivos, sen limitarse só a teléfonos móbiles como WhatsApp, e tras contar con aplicacións para iOS, Android, Windows Phone, BlackBerry, Bada e terminais de Nokia, completa a súa presenza en escritorios con Windows, OS X e Linux estreando versión para Windows 8. Deste xeito é posible facer uso dende ordenadores e tablets co sistema operativo de Microsoft desta ferramenta de comunicación, aproveitando o control táctil que achegan Windows 8 e RT, podendo tanto intercambiar texto, imaxes, vídeos, localizacións, emoticonas e adhesivos, como realizando chamadas de voz de balde con alta calidade.
Viber facilita a realización de chamadas de voz de alta calidadeA nova versión de Viber aproveita as funcionalidades de Windows 8 para permitir que poidamos engadir ao menú de Inicio do sistema atallos á aplicación ou a conversas en concreto; pode funcionar a pantalla completa ou en pantalla partida; fai uso das baldosas (Live Tiles), conta con notificacións, permite localizar contactos de Viber dende o menú de busca do sistema operativo e incluso conta con notificacións Toast para facilitar que non perdamos ningunha mensaxe ou chamada. A aplicación chega traducida a varias linguas entre as que figuran o español e o portugués.

Viber completa a súa presenza coa nova aplicación para Windows 8

PUBLICIDADE