Videoxogo.gal asina un convenio de colaboración con PuntoGal
martes, 5 de abril do 2022
O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González
González e a presidenta de videoxogo.gal, Luz Castro Pena, asinaron de xeito
telemático un convenio de colaboración mediante o cal a asociación de
desenvolvedores de videoxogos e contidos interactivos comprométese a dar
cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do
dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo,
as empresas e profesionais socias da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos
Interactivos poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos.
PuntoGal, ve nesta colaboración “un xeito de promover unha
industria en crecemento que está especialmente representada en Galicia, e que
dinamiza e está en constante conversa coas industrias culturais, o audiovisual
e as TIC”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro, que
remarca que “ten todo o sentido dar a coñecer estas actividades entre a xente
nova, mostrando que pode ser unha saída profesional e un xeito de expresión,
non só unha alternativa de lecer“.
Pola súa banda, Luz Castro, presidenta de videoxogo.gal
quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “contribuirá a
dar visibilidade á industria galega dos videoxogos e contidos interactivos”.