Videoxogos para tratar a adición ao xogo

martes, 8 de febreiro do 2011 Raquel Noya

A utilidade dos videoxogos como ferramenta educativa, alén do que poidan pensar os detractores desta tecnoloxía, está máis que demostrada, e mesmo en Código Cero xa temos falado de iniciativas educativas que botan man dos videoxogos para a formación de distintos colectivos.
O que non imaxinabamos, nin por asomo, é que algún día servirían para tratar a adición patolóxica ao xogo; e paradoxicamente, isto xa é posible grazas a un proxecto do Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBERobn), que por primeira vez no mundo, emprega os videoxogos como ferramenta terapéutica no tratamento da adición patolóxica ao xogo, entre outras doenzas.
Dende o pasado mes de setembro, investigadores deste Centro empregan regularmente un videoxogo interactivo como ferramenta terapéutica complementaria do tratamento psicolóxico, que segundo afirman, “logra cambios tanxibles a nivel de actitude, conduta e emocións en todos aqueles doentes nos que se emprega”.
O videoxogo, chamado Islands, serve como terapia adicional no tratamento dos trastornos da alimentación e da adición patológica ao xogo e o seu éxito radica na acción beneficiosa do software, que interactúa coas emocións do doente a través de biosensores.
A aplicación ten como liña argumental o obxectivo de sair dunha illa; os devanditos biosensores, detectan as expresións faciais e de voz, así como as reaccións fisiolóxicas dos e das xogadoras, o que permite que as súas reaccións emocionais inflúan no desenvolvemento do xogo. Ao final, non gaña o que consegue sair da illa, senón o que sae máis tranquilo e relaxado, é dicir, o que mellor reaccionou con autocontrol nas situacións plantexadas.
Un estudo preliminar da súa funcionalidade demostrou que produce “unha maior reacción fisiolóxica e expresión emocional nos doentes” porén a súa eficacia terapéutica aínda está por demostrar.

PUBLICIDADE