Vigo abre a inscrición para os cursos outonais de eAlfabetización

mércores, 25 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Vigo vén de abrir o proceso para participarmos nos vindeiros cursos de alfabetización dixital promovidos, precisamente, polo Goberno local. Os obradoiros impartiranse nos meses de setembro e outubro, con formación en materias como informática, robótica, mecanografía, Internet ou ofimática básica.
As clases celebraranse na aula de formación TIC na Avenida de Beiramar. No mes de setembro será a quenda de materias como a iniciación á folla de cálculo, á informática e á robótica, así como a procura de emprego. En outubro, abordarase a formación en Internet e trámites administrativos, mecanografía e ofimática básica.
As persoas interesadas poden informarse e/ou inscribirse no teléfono 010 ou no 986 810 260, cos requisitos de estar empadroado na cidade de Vigo. O Concello concederá preferencia a aquelas persoas que non participaran previamente no mesmo curso solicitado.

PUBLICIDADE