Vigo acolle o día 23 unha xornada sobre RFID, tecnoloxía de identificación de produtos

luns, 14 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

O Centro Social Caixanova de Vigo acolle este 23 de maio unha xornada encamiñada a botar luz sobre tecnoloxías para identificar e localizar os artigos que producen as empresas, máis concretamente sobre a tecnoloxía RFID que, baixo o lema Solucións de Identificación por Radiofrecuencia será o eixe temático principal destes encontros, sobre todo no que se refire ás súas vantaxes para os negocios galegos. Segundo informa a organización, Rfidelia, o foro será cen por cen práctica, contando coa presenza de diversos especialistas en RFID que “farán unha análise polo miúdo do estado de madurez no que se atopan os sistemas, amosando casos reais de éxito e mesmo erros cometidos en diversos procesos”, engade.
Do que se trata, a xuízo dos organizadores do encontro, é de coñecer a realidade da tecnoloxía RFID, coas súas vantaxes (para incrementar a competitividade, para a mellora na xestión) e os seus inconvintes, e sen deixar no tinteiro todo o relativo á normativa legal que regula o emprego destes sistemas. A xornada dará comezo ás 10.00 horas cunha explicación sobre o RFID achegada por Manuel Montes, responsable comercial de Rfidelia.

PUBLICIDADE