Vigo acolle o vindeiro 8 de outubro a oitava edición de GaliciaTIC

mércores, 15 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

O panorama de encontros galegos tecnolóxico-dixitais semella estar moito máis vivo do que se pensaba nos círculos máis críticos con este tipo de xuntanzas, eventos que xa veñen de antigo pero que están a ser obxecto dunha serie de reformulacións que poñen os seus formatos máis ao día co devir da Rede. Aos exemplos que estivemos a citar os días pasados en Código Cero, cómpre engadir o dun congreso xa histórico na nosa terra, Galicia TIC, que chega á súa oitava edición e que este ano promete facer o máximo fincapé no potencial das novas tecnoloxías como “factor de cambio”. Ou sexa, como canle de acceso dende todo o que xa vimos e experimentamos (e nos levou a unha crise produtiva) cara a un novo panorama onde as TIC sexan maioritarias.
GaliciaTIC 2010, que se celebra o 8 de outubro no Centro Social Caixanova de Vigo, conta este ano co firme apoio da Secretaría Xeral de Modernización, Ineo (asociación que lles achega aos seus socios descontos de inscrición de até o 50%) e o COETG.
O encontro, en termos de Miguel Merino (máximo promotor e responsable do evento), constitúe “unha ineludible cita anual co contorno profesional e empresarial do sector das novas tecnoloxías”. Entre os eixes temáticos que se achegan nesta oitava edición figuran os seguintes: o papel das TIC como facilitadoras dun mundo máis sostible e dun maior rendemento corporativo e o poder transformador estas ferramentas a prol da competitividade das corporacións.
O encontro, que se vai desenvolver a través de relatorios, paneis temáticos e exposicións de casos de éxito empresarial, contará coa presenza de conferenciantes de “recoñecido prestixio”, sinala Merino. A idea é facilitarlles o mellor dos escenarios posibles para que nos falen das últimas tendencias na xestión de procesos de negocio e dos factores chave para o desenvolvemento empresarial sostible. O programa quedaría deste xeito:
9.00 Como maximizar o rendemento corporativo.
9.15Apertura da xornada. Preside Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Novas Tecnoloxías.
9.30 Como aforrar custes mediante a xestión de procesos de negocio, a cargo de David Beltrán Monroy, responsable de vendas de Soa-BPM, Oracle Spain.
10.00 Os usuarios ao poder, de Fernando Vázquez, director xeral de Imatia.
10.30 Novas perspectivas en BI, análise de redes sociais e mobilidade. A cargo de Adolfo Pellicer, director de BI de SAP Iberia.
11.10 Pausa café.
11.40 Obradoiro Imatia. Presentación de Ontimize Sweet, plataforma para a composición dinámica de aplicacións e profesos de negocio. Intervén Alejandro Ricart.
11.40 Mesa redonda: sistemas de soporte. Aplicacións de business intelligence. Como acadar unha mellora na toma de decisións en tódolos niveis de xestión. Interveñen Emilio Arias, director xeral de STRATEBI, Antonio Amirón, Business Development Manager de ORACLE Ibérica, Jaume Brunet, responsable de solucións SAP Business Objects e María José Rodriguez, consultora experta en solucións de Intelixencia de Negocio de SIVSA Moderador: Manuel Lago, director xeral de EMETEL.
12.50 Mercado de solucións de xestión empresarial. Carlos Suárez Rey, director xerente de EDISA.
13.20 Modelos de traballo segundo localización e servizos. Modelo Nearshore. Carlos Conde Gil, director do Centro de Innovación Tecnolóxica (CENIT), INSA.
13.50 Conferencia 6. Joan Ramón Mallart Coch, de IBM.
14.30 Clausura de GalicaTIC 2010. Intervén José Manuel Valiño, director xeral adxunto de Caixa Galicia.

PUBLICIDADE