Vigo acolle unha mostra do artista multimedia EloHim que bota man de tecnoloxía NFT

luns, 10 de xaneiro do 2022 S. P.

O iVigo Business Space acolle estes días unha exposición que fai avanzar o ámbito da arte galega até onde moi poucos imaxinabamos antes da chegada das tecnoloxías que se coñecen como disruptivas. Trátase dunha mostra que bota man de materias primas como a criptoarte e os NFT (Tokens Non Funxíbeis), activos dixitais que teñen entre os seus principais valores o feito de ser únicos, indivisíbeis e transferíbeis, amais da súa capacidade para facer gala da súa escaseza ou rareza e, tamén, de demostrar esta condición.
A mostra en cuestión chegou a Vigo da man do artista multimedia José Manuel García (La Fábrica de Sueños de EloHim) e preséntase baixo o epígrafe A Iluminación do Ser. Poderá verse até finais de xaneiro no local de iVigo no 11 da rúa Condesa Casa Bárcena.
Sería a primeira exhibición artística vencellada directamente ao cripto-art que chega a Galicia.
Inclúe dúas ducias de creacións pictóricas (23 obras de arte abstracta tokenizadas e convertidas en títulos con certificiado de autenticidade NFT) máis unha serie de obras dixitais multimedia inéditas, achegando un catálogo innovador no que non faltan vídeos metacreativos sobre a propia mostra e comentarios e entrevistas do propio artista EloHim (a xeito de contido extra). Esta vertente dixitalizada a autorreferencial da exposición completa o carácter pioneiro da mesma, ao transformala nunha mostra con capacidade para perdurar no tempo con independencia de que se desmonte e chega ao remate do seu itinerario.

PUBLICIDADE